Este luns ás 00:40h (noite de luns a martes), pasarase por primeira vez en Televisión de Galicia, Blanca Mádison, a longamentraxe ópera prima do noso compañeiro Carlos Amil. Rodada no 2000 con produción de Vici Produccions, estreouse no 2002. Foi seleccionada entre outros en Fantasporto, Festival Internacional de Cine de Porto (Portugal); Festival Internacional de Cine de Ourense; Festival de Florianápolis (Brasil); Cinespaña, Festival de Cine de Toulose (Francia). Conta no reparto con actores do nivel de Mario Gas ou Rosa María Sardá entre outros.
Urbano, que ven de saír da cadea, recolle no taxi que conduce a unhas prostitutas con destino a un club ao outro lado da fronteira. No taxi vai tamén unha rapaciña. Na mesma dirección viaxa Blanca Madison, cantante de boleros. Blanca regresa á cidade na que sendo nena sufriu aldraxes a mans do propietario dun club nocturno, chamado Xesús Bocanegra. Entre actuación e actuación organiza, con desesperada frialdade matemática, unha vinganza: matar a Bocanegra.
Este domingo temos outra razón para acudir a AchegArte, a feira da cultura Galega, organizada polo concello de A Coruña.
Enmarcado nesta feira a Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego na que está integrada CREA, organiza unha mesa redonda baixo o titulo “Audiovisual Galego. Un presente incerto, un futuro negro” na que se abordaran a actual situación do audiovisual galego baixo a visión das asociacións profesionais, así como as últimas novas sobre a lei do cine paralizada en Europa, e que tanto rebumbio está a levantar.
A mesa celebrarase o vindeiro domingo 26 ás 12:30h na sala Bitácora no Palexco, e estará integrada por Juan Morgade (Presidente de ATEGA, a Asociación de Técnicos), Vicente Montoto (Presidente da AAAG, Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Carlos Ares (Vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas) e Xavier Bermudez (Presidente de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia)
Non esquezas que o sábado temos outra interesante cita en AchegArte da que xa te falamos, co pase de "A mirada de Anna".
Se non tiveches ocasión de acercarte ao OUFF ou a Cienuropa a ver A Mirada de Anna, documental codirixido polo noso compañeiro Jorge Algora, e por Lorenç Soler, tes unha nova oportunidade, este sábado ás 12:30 en palexco, na Coruña, dentro da programación de AchegArte.
O documental céntrase na mirada da fotógrafa catalá Anna Turbau, que en 1976 trasládase como reporteira gráfica a Galicia. As súas imaxes, sempre comprometidas coa loita social, convertéronse en auténticos iconos dos inicios do fotoperiodismo en Galicia. Mediante fotografías, recordos e testemuños dos protagonistas da segunda metade dos anos 70, "A mirada de Anna" realiza un percorrido polos anos da transición á democracia en Galicia, que nos descobren a historia menos oficial desta época de cambio.
"A mirada de Anna" está dirixido por Lorenç Soler e Jorge Algora, coa produción executiva de Susana Maceiras e Oriol Porta, é unha coprodución de Adivina Producións e Área de Televisió coa colaboración de TVG, TV3, Xunta de Galicia e Generalitat de Catalunya.
O noso compañeiro Manuel Abad, presenta o documental “Sexo, entre o ceo e a terra”, producido por Formateo e Faro Tv. A estrea terá lugar o vindeiro martes 24 de novembro ás 20:15h. No Teatro principal de Santiago de Compostela, dentro da programación de Cineuropa.
O documental sobre o mundo do erotismo e o sexo en Galicia, abrangue desde sex shops ou videoclubes até o festival erótico de Vilagarcía, onde xurdiu a idea deste proxecto, segundo propio director. Trátase tamén a música, os locais de ambiente liberal e as asociacións como Alecrín. Téntase dar todas as visións posibles de quen quixo participar, desde as posturas ideolóxicas máis diversas e ás veces antagónicas.
Para ir entrando en calor podedes ver o trailer [Ligazón] QuickTime 7,6MB.
“Dende hoxe, 16 de novembro, ata o vindeiro 16 de decembro, ábrese o prazo de recepción de candidaturas para os Premios Mestre Mateo 09”.
Deste xeito tan espartano e pouco glamuroso, A Academia Galega do Audiovisual ven de anunciar na súa web a convocatoria da edición 2009 dos Premios Mestre Mateo. Espero que a cerimonia de entrega de premios e os propios galardóns sexan menos espartanos ;-). Podedes baixar as bases e formularios de inscrición nesta [ligazón].
O noso compañeiro Chema Gagino estrea a súa ultima curtametraxe “O Elixido” O acto terá lugar ás 22h no bar LE CLUB que está na rúa Rei Abdullah nº 13 de Coruña
“O Elixido” está interpretada por Sonia Castelo, Antonio Mourelos e conta coa participación especial de Jesús A. Rosado, máis coñecido como Gelos.
A ambientación é unha creación de Antonio Pereira; a fotografía é de Jaime Perez e a música orixinal é obra de Arturo Kress. Basada nunha obra teatral de Raúl Dans, o guión e a dirección correron a cargo de Chema Gagino.
Se no podes asistir ese día, non te preocupes, ó día seguinte celébrase a estrea oficial no CGAI de A Coruña, o venres 20 de novembro as 23h.
A Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información é o encontro anual que organiza o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia co obxectivo de fomentar os lazos de cofraternización entre os profesionais das telecomunicacións e de ser o marco para homenaxear a aquelas persoas que teñan destacado no labor de desenvolvemento, implantación e promoción das TIC dende ámbitos diversos de actividade e a aqueles que dentro do colectivo destacan polos seus méritos no desenvolvemento das telecomunicacións dentro de Galicia. Este ano a Noite, xirará entorno ao tema A TELEVISIÓN DIXITAL: un avance tecnolóxico e social. A XIV edición que terá lugar o 20 de novembro na A Illa da Toxa.
Se estás interesado en asistir debes cubrir o boletín de inscrición e remitilo por fax ao número: 981 55 30 36, ou por correo electrónico ao enderezo
Esta dirección electrónica esta protegida contra spam bots. Necesita activar JavaScript para visualizarla
Boletín de inscrición (Word, 104 KB)
A nosa compañeira Manane Rodríguez estrea en Cineuropa, o vindeiro venres 13 a súa película UN AXUSTE DE CONTAS.
Trátase dunha película rodada e exhibida en vídeo, producida por Xamalú Filmes sen subvención ningunha nin autonómica nin estatal, que foi feita coa colaboración de actores e técnicos. Rodouse en 2005 e terminouse a posprodución en 2009.
A película, que ven de ser seleccionada nos festivais de Málaga e Tolouse. é unha sátira sobre certos aspectos máis ben cutres do cinema español entón, e agora? tristemente vixentes, contada en forma de parodia de reportaxe xornalística. (Podedes ver o trailer sobre estas liñas)
Sinopse: A morte inesperada dun produtor cinematográfico en circunstancias non aclaradas, leva a xornalistas, policía e xente do cinema a facer investigacións ou especulacións e a dar conta das relacións que tiñan co finado. Esas especulacións e informacións son rematadas cunha serie de monólogos nos que se mesturan a reflexión e a confesión. Finalmente asistimos ao testemuño videográfico da última festa de aniversarios do produtor falecido Rubén Saco.
Repartición: Pedro M. Martínez, Paulina Gálvez, Andrea Guardiola, Myriam Méziéres, Nur Ao Levi, Juan Querol, Quique Fernández, Manuel de Blas, Zoe Berriatúa, Lola Casamayor, Angela Castela, Bruno Squarcia, Eleazar Ortiz, Irene Visedo, Javier Maqua, Daniel Freire, Paco Algora, Gary Piquer, Alexis, Valdés, Rosana Pastor e Raúl Sáez de la Fuente.
Co gallo da semana da ciencia 2009, o vindeiro 13 de novembro terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o obradoiro Comunicar a Ciencia: Os medios de comunicación e a divulgación do coñecemento. A inscrición é gratuita e o prazo remata o vindeiro 10 de novembro.
A actividade trata de achegar a ciencia mediante un obradoiro práctico e unha mesa redonda destiñados a familiarizar ao cidadán de a pé coa vocación divulgativa dos medios de comunicación e as iniciativas, ferramentas, institucións e servizos dispoñibles en Internet que permitirán aos alumnos localizar información científica de forma rápida e proveitosa en Internet A xornada pecharase cunha charla-coloquio aberta ás intervencións do público entre os protagonistas do fluxo de información científica (xornalistas, científicos, etc.).
Máis información nesta ligazón: Divulgación 360º Información sobre a Semana da Ciencia: Aquí Vía: OAG
O Observatorio Audiovisual Galego ven de publicar un documento que permite coñecer a importancia económica do audiovisual galego no ano 2007 (últimos datos dispoñibles), atendendo aos datos oficiais do Rexistro Mercantil.